ECIMAT

A Universidade de Vigo, por compromiso estatutario, ten entre outros fins o de alcanzar as máximas cotas de calidade investigadora, e dedicar especial atención ao estudo da cultura e o medio natural de Galicia mediante programas específicos de investigación que respondan os seus problemas concretos, promovendo a investigación como medio para o desenvolvemento científico e cultural da sociedade.

Esta Universidade, implantada nunha rexión europea de alta dependencia do mar (a pesca e actividades derivadas xeran ao redor do 10% do PIB de Galicia), alberga unha das escasas titulacións de Ciencias do Mar existentes na Península. A Estación de Ciencias Mariñas de Toralla (ECIMAT), inaugurada o 19 de Xuño de 2006 e situada na Illa de Toralla (Coruxo, Concello de Vigo), xorde como resposta á vocación mariña desta Universidade, co obxectivo de promover a excelencia científica, a transferencia de coñecemento á sociedade e a proxección internacional da ciencia mariña que leva a cabo na Universidade de Vigo.

ECIMAT agrega nunha única estrutura organizativa todas as capacidades de investigación, transferencia e formación avanzada da Universidade de Vigo no ámbito das ciencias do mar, permitindo a acción coordinada das diferentes unidades que a constitúen, favorecendo a coordinación coas unidades de xestión transversais universitarias (vicerreitorados, campus de excelencia) e converténdose no elemento central de coordinación e imaxe exterior da universidade no ámbito mariño.

Microscopio

Con frecuencia a Universidade atopa dificultades á hora de inserirse no tecido social que a rodea. Maximizar o impacto do traballo dos investigadores encerrados nos seus laboratorios sobre as comunidades que os sustentan é unha das materias pendentes da sociedade Europea. Centros como a Estación de Toralla, que promoven a investigación aplicada en temas de enorme interese económico e social para Galicia como a pesca, o marisqueo e a acuicultura, poden servir de nexo entre o mundo académico, cos seus avances teóricos, e os sectores sociais que poden beneficiarse da aplicación práctica deses avances.

Que así sexa.