Historia

A Estación de Ciencias Mariñas de Toralla (ECIMAT) é o Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo. Foi inaugurado en 2006 en resposta á vocación mariña da Universidade, unha das institucións líderes en investigación mariña en España.

Desde 2006, ECIMAT evolucionou desde unha infraestrutura de apoio á investigación ata converterse nun Centro de Investigación que agrega todas as capacidades da Universidade de Vigo en Ciencia Mariña. Estas capacidades, complementadas pola estrutura técnica e de xestión da ECIMAT, proporcionan o ambiente perfecto para promover a excelencia científica, para transferir coñecemento á sociedade e para proxectar internacionalmente a ciencia mariña que leva a cabo na Universidade de Vigo.

ECIMAT é un dos cinco Centros de Investigación de todos os ámbitos do coñecemento recoñecidos pola Xunta de Galicia como "Centros Singulares de Investigación de Galicia" a través do programa de "Excelencia na Investigación (INUGA)" promovido pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e cofinanciado pola Unión Europea a través do Programa operativo FEDER Galicia 2014-2020.

ECIMAT é unha das dúas estacións mariñas que integran o Nodo Español do Centro Europeo de Recursos Biolóxicos Mariños (EMBRC; www.embrc.eu) e representa á Universidade de Vigo na Rede Europea de Investigación Mariña (Euromarine; http://www.euromarinenetwork.eu).

Misión e Investigación

A misión de ECIMAT é a de promover a excelencia, incrementar o impacto na sociedade e promover a colaboración internacional, da ciencia mariña.

As liñas prioritarias de investigación de ECIMAT son as seguintes:

Biodiversidade e Ecoloxía
Observación do Océano e Cambio Global
Calidade Ambiental Mariña e Contaminación Mariña
Explotación Sustentable dos Recursos Mariños
Xestión Integral da Zona Costeira

Estas cinco liñas compleméntanse coas seguintes Tecnoloxías Transversais

Tecnoloxías Ómicas aplicadas ao medio mariño
Modelado de Sistemas Complexos
Organismos Modelo de Orixe Mariña

ECIMAT está integrado por 18 grupos de investigación que agregan a un conxunto de 191 persoas, das cales 70 son investigadores permanentes, 25 investigadores postdoctorales, 80 investigadores predoctorales e 16 Técnicos. Nos últimos anos o persoal do Centro participou entre outros en: 1) 20 novos proxectos/ano recibindo un financiamento de 2,5 M€; 2) 115 publicacións WOS Scopus/ano, (o 65% do primeiro cuartil-Q1); 3) 7 contratos de I+D/ano por importe de 200k€; 4) 10 convenios de colaboración con entidades externas/ano; 5) 15 novos doutores/ano.

Principais Servizos

O funcionamento centralizado de ECIMAT posibilita a prestación dos seguintes servizos a calquera institución, equipo de investigación ou investigador individual.

  • Subministración de Recursos Biolóxicos Mariños e Coleccións de Cultivos
  • Acceso a Ecosistemas Costeiros para Investigación
  • Plataformas Tecnolóxicas
  • Infraestrutura para Experimentación Mariña
  • Educación e Formación en Ciencia Mariña
  • Consultoría Científico-Técnica en temas relacionados coa Ciencia Mariña
  • Acceso-e a datos
  • Infraestrutura de apoio