Novas

race for waterA afección do empresario suízo Marco Simeoni pola navegación levouno a percorrer durante anos os océanos do planeta. Nas súas viaxes tomou conciencia do forte impacto que os plásticos teñen na vida acuática, xa que na actualidade entre o 5% e o 10% da produción mundial de plástico termina nos océanos e hai xa un quilo de plástico por cada cinco de peixe. Sensibilizado con este problema, decidiu crear a Fundación Race for Water, que traballa a favor da conservación dos océanos fronte á contaminación por plásticos visibles e por microplásticos, pequenas partículas que teñen un forte impacto sobre os ecosistemas mariños. A súa última aposta é unha expedición de cinco anos de duración que percorrerá o mundo dando a coñecer a importancia de conservar os mares e informará sobre os riscos e consecuencias dunha explotación excesiva.

Esta singradura farana a bordo dun barco que emprega unicamente a enerxía solar e que partiu a pasada semana de Lorient (Francia) e que a fundación pon a disposición da comunidade científica para realizar estudos. A Universidade de Vigo vaise implicar nesta iniciativa a través do proxecto europeo Ephemare, que coordina o profesor Ricardo Beiras, co obxectivo de avaliar cuantitativa e cientificamente os riscos e consecuencias que os microplásticos teñen sobre os organismos mariños. Varios dos 30 científicos e científicas de dez países que forman parte de Ephemare participarán en diferentes fases da Race for Water, entre eles o investigador do grupo Ecotox, Raimundo Blanco. No mes de xullo embarcarase durante oito días no buque solar nunha etapa que sairá das illas Bermudas.

Blanco explica que participar na Race for Water Odyssey 2017 supón unha tripla oportunidade. Por unha banda, permite “reverter na sociedade o coñecemento adquirido sobre as problemática dos microplásticos; por outra, dar soporte científico á campaña de concienciación da Fundación Race for Water e, finalmente, realizar un estudo nunha área moi importante moi afectada pola contaminación por plásticos e así recoller datos científicos para estudar microplásticos e explicar o seu comportamento”.

As achegas viguesas a esta experiencia

O investigador de Ephemare explica que abordo deste buque vanse levar a cabo tarefas en dúas liñas diferentes. Por un lado, traballarán no eido da divulgación colaborando con membros da fundación Race for Water nun workshop con grupos de acción social da illa Bermuda. No referente ao traballo científico, comprende dous obxectivos como explica Blanco, “o primeiro é cuantificar e caracterizar os microplásticos de orixe oceánico existentes no medio abiótico e no medio biótico e o segundo é illar a cantidade necesaria de estes para poder realizar test de ecotoxicidade no laboratorio”. Para isto, segundo o investigador, seleccionáronse dúas localidades situadas unha na costa este (Well Bay) e outra na costa oeste (Somerset Long Bay) nas que se recollerán mostras de area na praia, sedimentos a 10 metros de profundidade, varias especies de invertebrados como moluscos, crustáceos e equinodermos, vertebrados e mostras de augas en alta mar.

Un barco de vangarda

Ao longo destes cinco anos arredor dos mares do planeta, o proxecto Race for Water terá como base o barco solar máis grande do mundo, un trimarán solar que foi, no seu día, o primeiro destas características en dar a volta ao mundo empregando unicamente este tipo de enerxía. Ten 35 metros de eslora, 23 de manga e 6.3 de alto, cunha velocidade media de 5 nós ata un máximo de 9. O buque combina a enerxía solar captada por unha superficie de 500 m2 de paneis solares con hidróxeno e vento. A enerxía que se produce polos paneis emprégase para propulsión e o excedente almacénase para a noite, para o que dispón de catro baterías de litio que liberan 754 KWh. Se a produción é maior da necesaria, tamén se pode empregar para producir hidróxeno por electrólise de auga de mar e almacenalo nas 25 botellas das que dispón, que poden devolver 2800 kWh de electricidade. Ademais, en condiciones favorables pódese despregar unha cometa de 20 m2 que lle permite acadar unha velocidade de ata 10 nós. Deste xeito, a navegación é silenciosa e non produce ningún tipo de emisión ao medio que poidan interferir cos traballos científicos. Conta tamén con dous laboratorios, un húmido e outro seco, para o desenvolvemento de tarefas básicas.

Barco solar raceforwater

O trimarán é o barco solar máis grande do mundo

 

Equipor raceforwater

Hans Pater Arp (Weathermic Project), Ricardo Beiras, Frederic Sciacca

(Race for Water Foundation), Raimundo Blanco (Ephemare) e Kim va Arkel (RFWF)

Fonte DUVI