Novas

Codium fragile tomentosumCodium fragile é unha das algas invasoras máis daniñas en sistemas costeiros, xa que é quen de desprazar ás especies nativas en todo o mundo. No Atlántico noreste os seus primeiros rexistros son de principios do século XX, pero, sen embargo, en España non se describe esta especie ata 1966, concretamente no mar Cantábrico. O seu éxito no proceso de invasión é principalmente atribuído á súa ampla tolerancia fisiolóxica tanto á temperatura como á salinidade, tipos de substrato ou contaminantes, así como polo seu rápido crecemento durante o verán, a pouca presión de herbívoros e os diversos modos de reprodución e dispersión, tanto sexual como vexetativa ou partenoxenética. Sen embargo, nas costas da península ibérica varios estudos científicos conseguiron demostrar que a especie nativa, C. tomentosum (a dereita na fotografía 1), conseguía facer fronte á especie invasora. Así, para poder coñecer ben o carácter invasor desta alga, científicos do Centro Singular de Investigación Mariña (CSIM-ECIMAT, Universidade de Vigo) e da Universidade Rey Juan Carlos están a desenvolver un estudo sobre unha alga que, a pesares de ser orixinaria de Xapón, se atopa xa distribuída por todo o mundo. Este estudo forma parte da tese de doutoramento de Ana García, que actualmente está realizando unha primeira fase experimental na Estación de Ciencias Mariñas de Toralla (ECIMAT) ao abeiro dun proxecto de investigación en colaboración coa investigadora do grupo EcoCost da Universidade de Vigo Celia Olabarría.

Codium fragile tomentosum experimentoA investigadora da Universidade Rey Juan Carlos Ana García explica que “en estudos previos realizados polo noso equipo de investigación observamos como a especie nativa C. tomentosum e a invasora C. fragile (a esquerda na fotografía 1) coexistían ao longo das costas do noroeste da península ibérica na zona baixa do intermareal, en áreas que incluían Bifurcaria bifurcata, e na zona alta onde se atopan charcas intermareais”. Pero, fronte ao que sucede noutras rexións, nas que se confirmaba unha dispersión continua de C. fragile, no noroeste peninsular a especie nativa presentaba maior superficie de ocupación e número de novos individuos que a especie invasora.

Neste escenario, explica García, xorde a necesidade de avaliar a competencia entre e dentro das dúas especies. Con esta finalidade, os investigadores plantexaron un experimento en dúas fases; a primeira consiste nun experimento de cultivo baixo condicións controladas no laboratorio, que se está a levar a cabo na ECIMAT (fotografía 2); e a segunda fase realizarase no medio natural e consistirá en someter os individuos obtidos no laboratorio a distintos niveis de estrés, niveis que corresponderán con distintas alturas de marea e localidades. Ana García adianta que na primeira parte do experimento estase realizando o cultivo das dúas especies de estudo: C. tomentosum e C. fragile empregando diferentes densidades intraespecíficas e interespecíficas. “Ata agora os cultivos desenvolvéronse con éxito e, en breve, será posible afrontar a segunda fase do experimento no medio natural”.

Codium fragile, unha especie críptica

Nas últimas décadas, o número de invasións biolóxicas rexistrou un aumento en ecosistemas mariños, principalmente en sistemas costeiros, como consecuencia da auga de lastre e da acuicultura. A comunidade científica sinala que os principais impactos ecolóxicos destas especies invasoras son a competencia con especies nativas polos recursos; o desprazamento ou desaparición de especies nativas, reducindo a biodiversidade e mesmo causando extincións locais; e os cambios na estrutura da comunidade e nas cadeas tróficas e ciclos de nutrientes. As especies invasoras caracterízanse porque presentan unha serie de características que lles confiren a capacidade para adaptarse mellor ao novo ambiente como a reprodución vexetativa, gran tamaño, ciclos de crecemento rápido e ampla tolerancia a factores ambientais. Con todo, lembra a investigadora, “o número de especies invasoras pode ser infravalorado pola presenza de especies crípticas”, aquelas que son morfoloxicamente indistinguibles das nativas. A especie C. fragile é un exemplo desta situación, xa que é “morfoloxicamente igual ás especies nativas C. tomentosum e C. vermilara”.

As especies invasoras e o cambio climático

O incremento do número e da distribución de especies exóticas está estreitamente ligado ao proceso de cambio climático, xa que o papel do clima na distribución das especies é fundamental e o aumento das temperaturas como resultado do cambio global favorece a aparición, establecemento e dispersión de especies exóticas, que poden ser potencialmente invasoras, se son quen de desprazar ás especies nativas. Explica García que neste escenario de cambio climático “numerosos traballos observaron contraccións e expansións na distribución das especies e, nas nosas costas, podemos atopar algúns exemplos como o caso das especies con afinidade por augas mornas como Fucus serratus ou Zostera noltii, que se encontran en fase de retracción, mentres que outras de augas cálidas, como C. fragile están en fase de expansión. “Ambas casuísticas xuntas, as especies invasoras e o cambio climático, son dúas das maiores ameazas para a biodiversidade, xa que neste escenario, especies orixinarias de rexións cálidas poden aumentar numericamente e espacialmente xerando poboacións grandes, que se propagarán por áreas amplas. Ademais, este quentamento pode prolongar a duración da ocorrencia ocasional das introducións iniciais debido, por unha banda ao aumento da frecuencia de procesos de invasión e, por outra, ao incremento de hábitats adecuados.