Novas

hake Presa

A diversificación das especies mariñas xurdiu como unha prioridade na axenda acuícola de moitos países, debido ao seu gran potencial industrial e como alternativa á sobreexplotación pesqueira. Esta diversificación leva novos retos en especies candidatas, entre elas a pescada europea (Merluccius merluccius), cuxos retos decisivos son a diminución da mortalidade masiva observada preto dos 25 días trala eclosión, a optimización da alimentación temperá e a xestión larvaria.

Co obxectivo de avanzar no estudo da alimentación temperá da pescada europea, investigadores do Instituto Oceanográfico de Vigo (Manuel Nande e Montse Pérez) e do Centro Singular de Investigación Mariña da Universidade de Vigo (Pablo Presa e Damián Costas) levaron a cabo un proxecto de colaboración no que deseñaron e testaron un sistema de xestión do fluxo de traballo con presa viva. Para elo, identificaron o tipo e tamaño de presa preferido polas larvas da pescada ao eclosionar, estableceron a densidade óptima das presas que maximizara a alimentación das larvas, determinaron a influencia da intensidade da luz na actividade de alimentación das larvas temperás, avaliaron as diferenzas de crecemento entre lotes de larvas alimentadas con zooplancton como suplemento nutricional e, por último, testaron a eficiencia de crecemento dun protocolo de alimentación progresivo, deseñado para larvas de ata 30 días tras a eclosión (dph).

Os investigadores observaron que as larvas comezaban a comer aos 6 dph, seleccionando a presa en función do seu tamaño, pigmentación e comportamento, e que a súa actividade era máxima en escuridade e intensidade de luz media (600 lx). Así mesmo, comprobaron que a optimización da crianza con respecto ao cultivo clásico, que utiliza presas comerciais, tiña efecto sobre o crecemento temperán e a supervivencia ata os 30 dph. Ademais, observaron que as dietas baseadas exclusivamente en rotífero implicaban un baixo crecemento larvario e a inviabilidade do cultivo da pescada despois de 15 dph, mentres que a inclusión de zooplancton silvestre en dietas temperás duplicaba o crecemento de larvas de 30 dph con respecto ás dietas baseadas en artemia. Así, a dieta adaptativa para larvas de ata 30 días deseñada segundo tamaño de presa viva (MiACop), que emprega a combinación de copépodos, rotíferos e nauplios comerciais de artemia, daba lugar a un crecemento cinco veces superior ao da dieta de artemia ou zooplancton. Á vista destes resultados, os investigadores sospeitan que o canibalismo masivo observado nesta especie a partir dos 25 dph estea relacionado coa ausencia dun tamaño de presa adecuado para combinar coa alimentación semi-seca do destete.

Os investigadores conlúen que o deseño actual do fluxo de traballo para a alimentación temperá da pescada europea demostra ser un paso útil para asegurar unha maior proporción de xuvenís que entran na fase de destete.

O traballo realizado constitúe un exemplo de cooperación entre investigadores mariños de dous centros de investigación galegos pois, a pesar de contar cun financiamento modesto, resulta exitoso debido ao establecemento de sinerxias científicas. Este estudo contou co apoio económico do Ministerio de Economía e Competitividade a través do proxecto LETSHAKE (AGL2013 - 48468-R), cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), e co apoio económico do Programa de Consolidación das Unidades de Investigación Competitiva cofinanciado por FEDER (Programa Operativo Galicia 2007-2013, Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria de Xunta de Galicia, RN AOE_2008-080) a través das accións de cooperación HAKEUP e HAKEU+.

Os resultados foron publicados en Aquaculture e estarán dispoñibles ata o 29 de xuño de 2017 na seguinte ligazón:


https://authors.elsevier.com/a/1V0u-ACeXvouB