Novas

ourizo microplasticosCo obxectivo de, por unha banda, estudar o impacto ambiental dos microplásticos de polímeros convencionais e biodegradables no medio acuático e, pola outra, avaliar a toxicidade dos aditivos empregados de xeito máis habitual na industria e seleccionar aqueles que presenten un menor impacto sobre o medio acuático, o Grupo de Ecotoxicoloxía e Contaminación Mariña da Universidade de Vigo coordinará ata o ano 2019 un proxecto de investigación financiado polo Ministerio de Economía, Industria y Competitividad con preto de 143.000 euros. Alternativas ambientalmente respectuosas para polímeros y sus aditivos químicos en medio acuático, Arpa Acua, é a denominación do proxecto, que se encadra dentro da convocatoria Retos de la Sociedad, e que segundo Ricardo Beiras, persegue “ofrecer á industria alternativas ambientalmente respectuosas sobre a base da ecotoxicoloxía, parte da que se encarga a Universidade de Vigo, e a química analítica, da que se ocupa o Instituto Universitario de Medio Ambiente da Universidade de A Coruña”.

Comparación entre os polímeros convencionais e os biodegradables

O estudo, que desenvolverán os grupos de investigación das universidades galegas, contempla como gran novidade a comparación dos resultados ecotoxicolóxicos do impacto dos polímeros convencionais cos polímeros biodegradables, que a priori, segundo explica Ricardo Beiras, “deberían amosar un impacto menor”. Xunto a esta novidade, o proxecto contempla outra innovación como é a incorporación ao consorcio que desenvolve a investigación dun socio tecnolóxico do sector do plástico, neste caso o Instituto Tecnológico del Plástico de Valencia, Aimplas, que será o que prepare os materiais que serán obxecto de estudo, que se desenvolverá no ámbito do laboratorio, ao non contemplar este proxecto traballo de campo.

Arpa Acua compleméntase co proxecto europeo Ephemare, que investiga o efecto ecotoxicolóxico dos microplásticos no medio mariño, aínda que neste caso este traballo, que se prolongará ata 2018, ten como un dos seus obxectivos estudar se os microplásticos actúan como vector das substancias químicas presentes no medio aos organismo acuáticos. “Mentres, Arpa Acua trata de avaliar as alternativas a priori máis respectuosas para o medio ambiente, tanto nos polímeros, coma nos aditivos empregados”, destaca o investigador de Ecotox, que lembra que no ano 2015 producíronse 322 millóns de toneladas de plástico no mundo, 58 en Europa, das que se estima que uns cinco millóns acaban no mar cada ano.

Fonte: duvi