Novas

granjasEspaña conta cun Plan Nacional de Adaptación ao Cambio Climático e nel sublíñase a necesidade de desenvolver plans específicos para os diferentes sectores. Este é precisamente o obxectivo xeral do proxecto Aquadapt, un traballo liderado polo Campus do Mar cuxo obxectivo principal é contribuír á adaptación do sector da acuicultura mariña, e máis concretamente do cultivo de rodaballo, dourada e robaliza, tres especies de grande interese económico, aos efectos do cambio climático no territorio nacional. O pasado martes 28 de novembro tivo lugar a reunión de lanzamento nunha xornada celebrada no edificio Miralles e nela coincidiron os principais actores implicados no proxecto, un traballo que conta coa participación das universidades de Vigo e Santiago de Compostela e a colaboración e implicación do sector produtivo, representandos, entre outros, polo Clúster de Acuicultura de Galicia e o Centro Tecnolóxico de Acuicultura de Andalucía (Cetaqua).

Por primeira vez abórdase a elaboración dun plan de adaptación no sector da acuicultura mariña en todo o territorio español no horizonte 2050, estruturado por especie cultivada e sistema de cultivo, e que levará asociado un plan de acción a curto prazo. “Trátase de estudar cales son os posibles impactos que pode exercer o cambio climático sobre o cultivo destas tres especies e deseñar un plan de adaptación, solucións que poderiamos ir implementando antes de que as posibles consecuencias se fagan realidade”, explicou Emilio Fernández, director do Campus do Mar, quen recalcou a idea de que o obxectivo é facer un diagnóstico da situación, que sexa o que conduza ese plan de adaptación e divulgalo a todo sector. A idea é telo rematado en xuño de 2018.

Emilio Fernández estivo acompañado na presentación por Juan Manuel García de Lomas, director xerente do Centro Tecnolóxico de Acuicultura de Andalucía Cetaqua, centro no que participan máis de 26 empresas acuícolas e no que traballan, segundo explicou García de Lomas, por conseguir as condicións máis favorables para o desenvolvemento da acuicultura. Xunto a eles estivo tamén Antonio Villanueva, coordinador técnico de Infraestruturas e Investigación do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo, Ecimat, que foi o encargado de ir debullando os detalles dun proxecto financiado con preto de 70.000 euros pola Fundación Biodiversidade, do Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente, Mapama, que seleccionou este traballo –xunto a outros 67- entre preto de 400 propostas.

Emilio Fernández: “Para nós este proxecto supón un enorme reto”

“Con este proxecto trátase de pór as bases que permitan ao sector da acuicultura seguir mantendo unha situación de protagonismo fundamental como actividade garante do subministro de peixes acuícolas e que sirvan para garantirlle á poboación unha alimentación sá, saudable e saborosa”, insistiu o xerente de Cetaqua Andalucía. “Para nós este proxecto supón un enorme reto por dúas razóns. En primeiro lugar pola temática, o cambio climático, un enorme desafío desde o punto de vista científico e tamén económico”, explicou Emilio Fernández, quen se referiu ao cambio climático como un problema con dúas grandes vertentes, dunha banda a redución de emisións, algo que debe abordarse desde unha perspectiva internacional “tal e como vimos no recente Cumio de Bonn” e, da outra, o compoñente da adaptación, moito máis local e sectorial, é dicir, cada un dos diferentes sectores económicos vaise ver afectado dunha forma diferente polo cambio climático.

Xunto a isto o director do Campus do Mar salientou tamén un segundo reto, “tan importante como o primeiro”, en referencia á complexidade do proxecto, xa que nel abórdase unha cuestión tematicamente complexa e moi pluridisciplinar, e porque reúne nun mesmo traballo a parte científica e o sector produtivo. “É un proxecto no que a Universidade e os centros tecnolóxicos asociados á acuicultura e ás asociacións empresariais imos a traballar conxuntamente porque en ambas partes existe coñecemento e ese coñecemento deber ser totalmente permeable”, recalcou Fernández, ao tempo que fixo fincapé en que desa unión e da conxugación de ambas experiencias é de onde xurdirá un plan de adaptación que non quede nun mero exercicio académico, senón que realmente poida ser aplicado por parte do sector produtivo. “Para nós é un proxecto especialmente querido precisamente por esta segunda condición, xa que é un dos traballos nos que imos traballar de maneira máis estreita co sector e iso é o que nos anima a dedicarlle moito esforzo para tentar que sexa un éxito”.

Coincidindo coa celebración do Día Nacional da Acuicultura

A presentación do proxecto coincidiu coa semana de celebración do Día Nacional da Acuicultura, iniciativa posta en marcha polo Observatorio Español de Acuicultura e que vai xa pola súa sexta edición. Ao abeiro desta celebración, organizouse unha mesa redonda que contou coa participación de diferentes expertos: Ramón Gómez Gesteira, catedrático do Departamento de Física Aplicada da Universidade de Vigo, que afondou no efecto do cambio climático nas variables oceanográficas; Alicia Estévez Toranzo, catedrática do Departamento de Microbioloxía e Parasitoloxía da Universidade de Santiago de Compostela, que se centrou no benestar dos peixes e Juan Manuel Fernández, director da Asociación Empresarial de Acuicultura de España, que achegou a visión do sector produtivo acuícola español.

aquadapt equipo

Parte do equipo implicado no proxecto

Fonte: DUVI