Novas

Pesca plastA presenza de lixo en mares e océanos é un problema crecente que avanza paralelo ao desenvolvemento económico e industrial e afecta gravemente a ecosistemas tanto da fauna como da flora mariña, chegando incluso á cadea alimentaria. Unha parte moi visible desta contaminación corresponde a residuos plásticos que os consumidores non depositan nos puntos de recollida específicos e rematan no mar, chegando a crear grandes balsas de lixo flotando á deriva. De feito, segundo Greenpeace, os plásticos representan o 80% da contaminación mariña. Para facer fronte a esta situación, o Instituto Tecnológico del Plástico (Aimplas), en colaboración coa Universidade de Vigo a través do grupo Ecotox, a Fundación Global Nature, a Asociación Vertidos Cero e a Cofradía de Pescadores de Gandía, puxo en marcha o proxecto Repesca_Plas, que ten como obxectivo recoller lixo mariño en Galicia e Valencia para analizado e valorizalo en forma de novos produtos.

A finalidade é impulsar a recollida e posterior identificación de residuos plásticos nos portos de Gandía e Vigo por parte dos pescadores de cada unha das zonas, para poder analizar tanto a súa tipoloxía como o impacto na fauna mariña. Nunha última fase definiranse distintas posibilidades de valorización dos residuos para a súa aplicación na fabricación de novos produtos a nivel industrial. Esta iniciativa conta co apoio da Fundación Biodiversidad e do Ministerio de Agricultura y Pesca, Alimentación y Medio Ambiente, a través do Programa Pleamar, cofinanciado polo FEMP.

O labor de Ecotox, definir a ecotoxicidade do lixo recollido

A participación da Universidade de Vigo neste proxecto artellarase a través do grupo Ecotox (Ecotoxicoloxía e Contaminación Mariña), dirixido polo catedrático Ricardo Beiras. Xunto con Aimplas e a Asociación Vertido Cero, encargaranse de caracterizar o lixo recollido para definir tanto o tipo de residuos, como a súa natureza e orixe e a súa ecotoxicidade. Como explican os investigadores, “na caracterización da ecotoxicidade estableceranse protocolos con diferentes modelos biolóxicos e avaliaranse en fases temperás de desenvolvemento dos organismos mariños seleccionados”. Ademais, engaden, “analizaranse os resultados obtidos nas caracterizacións para establecer resultados globais das zonas de recollida e determinar a influencia do lixo recollido no medio mariño”. Destas tarefas tamén se obterán datos relativos ao efecto dos plásticos na reprodución das especies mariñas e toda a información achegarase en forma de datos ao programa oficial de seguimento de residuos mariños do Mapama.

A primeira fase do proxecto arranca en xaneiro

A primeira fase do proxecto, a de recollida, botará a andar en xaneiro de 2018. A primeira tarefa será definir e planificar os puntos de recollida a pé de porto para a súa posterior caracterización. Para isto realizarase unha folla de ruta en cada localización e formarase unha ducia de pescadores para que estes labores se realicen de forma óptima. Durante os sete meses que dura esta fase, a Cofradía de Pescadores de Gandía e os pescadores que traballan no Porto de Vigo apañarán polo menos 300 quilos de lixo mariño.

O resultado final do proxecto consistirá en analizar as diferentes posibilidades de valorización dos residuos plásticos e as súas posibles aplicacións que se concretarán na fabricación dos tipos de pezas demostrativas.

Fonte: DUVI