Novas

20180912 geoma natureUn novo estudo levado a cabo por un equipo internacional e no que participou o grupo de investigación Geoma, Geoloxía Mariña e Ambiental do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo (CIM-UVIGO), analizou a composición química dos sedimentos oceánicos para revelar cambios xeneralizados na circulación do océano Atlántico relacionados con cambios climáticos de alta frecuencia durante os últimos 25 000 anos. Os resultados obtidos, publicados agora na revista Nature Communications, achegan unha nova visión sobre a interacción entre a fusión dos xeos, a circulación oceánica e o cambio climático, o que supón numerosas implicacións potenciais para os escenarios futuros de cambio nos sistemas terrestres asociados ao quecemento global.

“Estes descubrimentos demostran o importante papel que xogan os procesos de fusión de xeos na diminución da intensidade da circulación termohalina e este fenómeno é de especial relevancia de cara ao futuro debido á aceleración que están experimentando na actualidade os procesos de fusión de xeos en altas latitudes”, explica o investigador Kais Jacob Mohamed Falcón, un dos membros do equipo investigador asinantes do artigo, liderado polo investigador da Universidade de Bristol Hong Chin Ng. “Neste sentido os resultados presentados neste artigo poden ser empregados para analizar e comprobar a resposta dos modelos climáticos a cambios na achega das augas procedentes da fusión dos xeos e da circulación oceánica durante estes cambios climáticos rápidos”, recalca o investigador, integrante de Geoma.

Cambios rápidos e de gran amplitude no clima

O artigo achega novas evidencias de que tras a última glaciación, finalizada hai arredor 20 000 anos, producíronse cambios rápidos e de gran amplitude no clima, no contido de dióxido de carbono atmosférico e no volume global de xeo continental. “Unha das hipóteses explicativas destes cambios considera que as alteracións na circulación do océano Atlántico tiveron un papel importante como motor destes cambios, non obstante, as evidencias directas deste mecanismo foron ata agora difíciles de atopar”, explica o investigador, ao que engade que neste estudo analizaron elementos radioactivos en sedimentos oceánicos para, así, poder obter unha reconstrución máis precisa do vigor da circulación do Atlántico no pasado e da súa relación cos cambios no volume de xeos continentais e cambios climáticos durante a última desglaciación.

49 días a bordo do buque de investigación oceanográfica James Cook
Para chegar a estas conclusións, Kais Jacob Mohamed Falcón e o resto de investigadores e investigadoras participantes embarcaron durante 49 días –entre o 13 de outubro e o 30 de novembro de 2013- a bordo do buque de investigación oceanográfica James Cook, do National Environmental Research Council do Reino Unido. A campaña partiu de Tenerife cara as augas próximas a Serra Leoa, cruzando posteriormente o Atlántico ata Trinidad e Tobago.

Ao longo deste percorrido obtiveron as testemuñas de sedimentos mariños que, posteriormente, analizaron. “As mostras analizáronse na Universidade de Bristol, aínda que unha boa parte destas técnicas están xa dispoñibles na actualidade na nosa Universidade”, explica Mohamed Falcón, ao tempo que salienta que isto lle permitiu xa desenvolver estudos similares en sedimentos da Conca Interior de Galicia, unha depresión submarina de máis de 3 000 metros de profundidade que se estende do norte ao sur a uns 100 quilómetros da costa galega.

Estudos na marxe ibérica atlántica

Os datos obtidos analizáronse en conxunto cos xa existentes na literatura científica sobre este tema e que cumprían uns estritos criterios de calidade, tanto de baixas latitudes como de latitudes medias e subpolares. Deste xeito púidose constatar un comportamento coherente da circulación termohalina no Atlántico, caracterizado por diferentes estados na conca occidental e oriental, na que para latitudes inferiores a 40º N, se observou unha circulación máis vigorosa durante o último máximo glacial en comparación coa actual a profundidades de 2’5-3’5 Km.

“Constatamos que durante o Estadio de Heinrich 1, o evento máis frío desde o último máximo glacial, a circulación oceánica sufriu unha desacelaración en dúas fases asociadas con dous episodios de fusión de xeos, un procedente de Eurasia e outro con orixe en Norte América”, recalca o investigador, ao tempo que explica que estes achados son coherentes con outros estudos levados a cabo polo grupo Geoma na marxe ibérica atlántica, empregando propiedades magnéticas, sedimentolóxicas e isótopos de estroncio e neodimio.